A falla de espazo e de camas colapsan as Urxencias do Hospital do Barbanza

BARBANZA> Situación crítica nas  urxencias do hospital do Barbanza. A CIG denuncia o colapso deste servizo no que a acumulación de pacientes fixo que tiveran que desdobrarse tódolos boxes para a exploración dos enfermos. Foi preciso realizar varios traslados a Santiago e varios pacientes permanecían, tras máis de doce horas, sen cama asignada. A falla de planificación volveu levar ó servizo de Urxencias do hospital do Barbanza ó colapso durante a pasada tarde. Boxes desdobrados para poder explorar ós pacientes que trala observación tiveron que permanecer en Urxencias en moitos casos á espera de poder ser trasladados a planta ou a Santiago, por falta de camas. Ademais da ampliación das Urxencias, esta situación pon de manifesto a necesidade de ampliar o servizo de hospitalización. As camas con que conta na actualidade o centro son insuficientes para atender a alta demanda de pacientes. Dende a CIG non descartan que en vindeiras xornadas se volvan repetir episodios como este polo que, á espera de que se acometan as tan demandadas ampliación esixen unha maior planificación para evitar os colapsos.