A Deputación da Coruña destina máis de 18 millóns de euros ós programas de creación de emprego nos concellos

BARBANZA> A Deputación da Coruña destina preto de 19 millóns de euros á mellora de servizos e creación de emprego nos concellos da provincia. Esta mañá presentábanse 13 programas de colaboración impulsados pola administración provincial que suporán a contratación directa de 1550 persoas.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a convocatoria de 12 dos 13 programas con que a Deputación da Coruña contribuirá á creación de emprego nos concellos e á mellora dos servizos públicos municipais durante o próximo ano. A lista completarase nas próximas semanas coa coa convocatoria do PEL-Concellos 2024.

Estas liñas de colaboración, dotadas con preto de 19 millóns de euros, permitirán financiar a contratación directa de 1550 persoas como técnicos municipais, persoal de axuda no fogar, axentes de igualdade ou socorristas de piscinas municipais, entre outros.

Ademais da creación de postos de traballo, estes programas contribúen a mellorar notablemente os servizos públicos municipais favorecendo a fixación da poboación no rural.

Destacan, entre os 13 programas presentados hoxe, o Plan de Servizos Sociais Comunitarios e o PEL Concellos. Este último supuxo a contratación de 597 desempregados mentres que o de servizos sociais, dotado con 8,3 millóns de euros, emprega a 243 persoas e financia 411 mil horas de servizo de axuda no fogar.

Xunto a estes dous programas, a Deputación financia a contratación nos concellos coruñeses de técnicos de Cultura, Deportes , Medio Ambiente, Servizos Sociais e Normalización Lingüística.