RIBEIRA> A Policía Nacional investiga a posible autoría dos feitos. Dende o Concello lamentaron este novo acto vandálico contra o patrimonio municipal que vén a danar ademais unha das señas de identidade do municipio.
Malestar en Ribeira por un novo episodio de vandalismo contra o patrimonio municipal. Neste caso o ataque dos vándalos prodúcese novamente contra o mirador da Pedra da Rá, un dos espazos máis característicos do municipio, cuxo proxecto de remodelación, realizado polo arquitecto Carlos Seone resultou premiado en varios concurso de arquitectura convocados a nivel nacional e internacional.
As pintadas foron realizadas con aerosol enriba da pedra da propia estrutura, polo que a súa eliminación será bastante complexa. Outra das zonas que resultou afectada foi a zona exterior ó espazo, nos bloques de granito colocados na remodelación.
Dende o Concello mostraron o seu malestar por esta situación, que por desgraza se vén repetindo con bastante frecuencia. A intención do goberno local pasa por instalar uns sinais advertindo de posibles sancións a aquelas persoas que incorran neste tipo de feitos contra o patrimonio, que non deixa de ser máis que un atentado ambiental. E así tratar de evitar que volva a producirse.