O futuro do monte galego, a debate en Rianxo

RIANXO> Representantes das tres mil trescentas comunidades de montes galegas así como de diversas asociacións relacionadas coa política forestal daranse cita a próxima fin de semana en Rianxo. Nesta sexta edición, o congreso galego de comunidades de montes pretende crear un foro de debate sobre as actuais políticas co fin de avanzar cara un monte sostible e multifuncional. O sábado desenvolveranse os distintos relatorios mentres que o domingo terá lugar a clausura a cargo do historiador Xesús Balboa e a posterior asemblea extraordinaria. Durante o Congreso outorgaráselle tamén un recoñecemento especial á mancomunidade de montes de Coiro polo seu labor divulgativo. Ademais do concello de Rianxo, a Deputación da Coruña colabora na organización do encontro que contará coa participación do alcalde e do presidente provincial.