RIBEIRA> A Consellería do Mar e as confrarías ultiman os detalles para o Plan de Explotación do Polbo. A proposta da administración contempla unha parada biolóxica en abril seguida dunha veda de dous meses. Entre o sector hai división de opinións.
Comer polbo galego fresco nos próximos meses antóllase complicado, polo que os amantes do cefalópodo terán que buscar outras alternativas, como é o caso do conxelado, para poder satisfacer as súas apetencias gastronómicas. A Consellería do Mar trasladou ó sector a proposta de establecer unha parada biolóxica da captura do polbo en abril e unha veda en toda a comunidade durante dous meses, maio e xuño.
O obxectivo destas medidas técnicas é axustar a xestión pesqueira ó ciclo de vida da especie de cara a protexer a súa reprodución e contribuír así a unha explotación máis sustentable.
Sen embargo, dende as confrarías afrontan con preocupación asumir tres meses sen actividade posto que moitos mariñeiros quedarían excluídas das axudas ó non cumprir cos requisitos.
Aínda así son conscientes da necesidade de tomar medidas para recuperar a pescaría, despois dos malos resultados da campaña actual.
Unha vez entre en vigor o plan queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. A medida tamén afectará á pesca recreativa.