Demandan melloras nos servizos de cociña e nas áreas diálise e saúde mental do hospital

RIBEIRA> Malia que o hospital do Barbanza conta cun servizo de diálise, este permanece pechado en tres quendas de tarde, o que está a provocar que media ducia de pacientes teñan que dializarse en Santiago. Son trasladados en ambulancia para recibir un tratamento que dura unha media de catro horas. Algúns saen ás seis da mañá e non están de volta ata ben entrada a tarde. Non é esta a única queixa da plataforma que nas últimas semanas denunciou os problemas xurdidos co cambio de contrato do servizo de comidas. Insisten en que o SERGAS é o último responsable á hora de establecer mecanismos de control e garantir que se cumpren as condicións do contrato. Por outra banda, dende a plataforma seguen a demandar a incorporación dun psicólogo a tempo completo na unidade de saúde mental; actualmente traballa días alternos. Polo momento, e tras unha campaña de recollida de sinaturas xa conseguiron que se manteña sempre ó mesmo profesional no posto xa que ata o de agora cambiaban de persoa cada seis meses.Por estes motivos, sairán á rúa este mércores ás oito e media na praza do concello de Ribeira. Fan un chamamento á participación de toda a cidadanía.