O PP de Vilagarcía pon en cuestión a seguridade da praza de Galicia de que caesen cinco persoas nela

VILAGARCÍA> O PP de Vilagarcía pon en cuestión a seguridade da nova praza de Galicia. Despois de que 5 persoas caesen nese renovado espazo, os populares pídenlle ó Concello que lles deixe ve-los certificados de obra, para comprobar se o proxecto se desenvolveu –ou non- dun xeito correcto. Aseguran, ademais, que non van consentir que o goberno local culpe ós peóns das caídas na praza.

Din os populares de Vilagacía que eles xa advertiron hai tempo de que as cousas non se estaban facendo ben na praza de Galicia. Agora, coa obra xa rematada e tras contabilizar nela ata 5 caídas, o PP pídelle ó alcalde que lles deixen ver os certificados de obra. Celebran que Alberto Varela recoñeza que hai erros que cómpre corrixir, pero tamén lle demandan que rectifique e non culpabilice ós peóns das caídas. E piden que se tomen medidas urxentes para evitar novos sustos.

Os populares tamén denuncian que o proxecto inicial e o definitivo sufriron moitos cambios, coa eliminación dalgúns elementos, como máis chorros de auga, e a inclusión doutros cos que non se contaba, como un fío musical. Falan tamén dun cúmulo de despropósitos na praza, como unha fonte que molla, unha árbore que dificulta o paso entre Castelao e Rey Daviña ou uns parterres que ensucian o chan.

Os populares tamén aproveitaron para poñer en cuestión a eliminación do tráfico de vehículos na zona. Din que se a día de hoxe as incomodidades xa son evidentes, o problema irá a máis nos meses de verán, coa chegada dos turistas á localidade.