Rianxo prepárase para unha nova edición da Festa de Exaltación do Mexillón

RIANXO> Será esta vindeira fin de semana, os días 4 e 5 de agosto. A organización correrá a cargo, outro ano máis da Asociación Gastronómica Cultural de Rianxo. O Campo de Arriba en Rianxo acollerá esta fin de semana a novena edición da Festa de Exaltación do Mexillón, organizada pola Asociación Gastronómica Cultural de Rianxo, en colaboración con outras entidades, entre elas o propio Concello. Ademais do aspecto culinario, un dos principais obxectivos da festa será o de recadar fondos para a axuda do Club de Remo Rianxo, polo que dende a organización agárdase un éxito de público semellante ó de edicións anteriores. Durante a fin de semana prevese repartir unhas tres mil cincocentas racións de produto a prezos populares, en seis receitas diferentes, entre as que se incluirá a principal novidade deste ano, o mexillón que trisca. Dende o executivo rianxeiro destacaron tamén a importancia da festa que ten tamén entre as súas prioridades a promoción e posta en valor dun produto cunha gran importancia na economía local. Ó longo de toda a fin de semana desenvolveranse diferentes actividades paralelas entre as que se inclúen, na xornada do sábado, a actuación de varios grupos tradicionais e  do grupo de Cristian Silva, ás once da noite, así como tamén un d’j que amenizará a festa ata altas horas da madrugada. Na  xornada do domingo terá lugar a inauguración oficial da festa, á unha do mediodía, coa presenza das distintas autoridades entre as que se atopan a propia conselleira do Mar, Rosa Quintana.