RIBEIRA> Durante cinco días, de xoves a domingo, a capital barbanzá converteuse en lugar de destino para miles de persoas que quixeron desfrutar das festas do verán da localidade.
Ó longo das xornadas foron moitas as actividades organizadas dende a comisión de festas e o propio Concello para satisfacer os gustos de pequenos e maiores.
Mais sen dúbida unha das citas principais da fin de semana volveu a ser a misa solemne na lonxa da localidade na honra da Virxe do Carme, celebrada na tarde do sábado, e que continuou despois coa tradicional procesión marítima.
A cerimonia non faltou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que xunto a outras autoridades como o patrón maior, Xosé Antonio Pérez, ou o propio alcalde, Luís Pérez os encargados de presidir este acto relixioso.
Onte domingo os festexos chegaban ó seu remate e fixérono coa tradicional mostra de música e danza tradicional na praza da Porta do Sol, á que lle seguiu o espectáculo de danza contemporánea ‘Neutrx’ a cargo da compañía de Fran Sieira.
Pero o broche final puxérono novamente os fogos artificiais no paseo do Touro, que como é costume á medianoite, iluminaron de luz e son os ceos da cidade, deixando unha estampa de gran beleza











