Este venres arrincan na Pobra as festas do Carme dos Pincheiros

A POBRA> Este venres, e durante catro días, ata o luns 17, celebraranse na Pobra as festas do Carme dos Pincheiros, unha cita festiva das máis multitudinarias de cantas se celebran na localidade durante a tempada estival.

Dende o Concello, que colabora coa comisión de festas na organización destes festexos, destacaron o carácter especial desta cita e o seu forte vínculo coa identidade da Pobra e a súa tradición mariñeira.

A xornada inaugural do venres arrincará xa pola mañá coas habituais dianas e alboradas, aínda que un dos momentos máis importantes será ás nove da noite dende o balcón do Concello, coa lectura do pregón, este ano a cargo do Club de Atletismo e Deportes do Barbanza.

Outro dos días máis importantes será o domingo coa tradicional procesión, á que segue multitude de persoas.

A música, coas tradicionais verbenas a cargo das mellores orquestras de Galicia, os concertos a cargo de grupos locais, as actuacións das bandas de música tradicional e a celebración dos ‘San Juerguíns’, marcarán tamén esta cita festiva.

O punto e final ós festexos porao o concerto de Treixadura o luns a partir das dez e media na praza Alcalde Segundo Durán, para a continuación, ás doce e media ter a gran queima de fogos artificiais.

Dende o Concello quixeron tamén ter un recoñecemento especial cara os membros da Comisión de Festas, que coa súa dedicación e esforzo fan posible a celebración destes festexos tan importantes para a vila.