O PP de Ribeira pon en valor o esforzo inversor da Xunta no municipio

RIBEIRA> O PP de Ribeira valorou moi positivamente os orzamentos da Xunta que prevén un investimento de máis de 20 millóns de euros na localidade. As partidas máis destacadas refírense á futura residencia da terceira idade, a ampliación do hospital do Barbanza ou a rehabilitación do faro de Sálvora.

Son moitos os investimentos previstos pola Xunta de Galicia en Ribeira para o vindeiro exercicio. Así o quixeron poñer en valor os populares ribeirenses que destacaron algúns dos principais proxectos contemplados nos presupostos para o 2025. Destacan no eido sociosanitario a construción da futura residencia ou a posta en marcha do hospital de día oncolóxico no hospital do Barbanza.

En materia de infraestruturas destacan tamén outras actuacións como a humanización da travesía AC-305 ó seu paso por Palmeira, a mellora da rede de abastecemento de auga coa ampliación da ETAP de Padrón ou varias partidas con carácter plurianual para a variante de Ribeira ou a construción de pantaláns no porto de Aguiño.

Dende o PP destacan tamén o compromiso coa posta en valor do patrimonio a través de proxectos tan destacados como a rehabilitación do faro de Sálvora e a creación dun centro de interpretación cun investimento de 17  millóns de euros.