Nós Pobra decide apartar a Xosé Lois Piñeiro e Estefanía Ramos

POBRA> Sen acordo na Pobra. Arestora seguen reunidos Nós Pobra, BNG, Partido Socialista e VIP para tratar de pechar un pacto entre as catro formacións que aparte o PP da alcaldía.

O que si hai é novidades. E importantes. Nós Pobra decidiu dar marcha atrás na súa postura e aceptar a última hora a proposta de BNG e VIP, apartando ó actual alcalde en funcións, Xosé Lois Piñeiro, e a número 2 da candidatura, Estefanía Ramos, para darlle o bastón de mando ó seguinte na lista desta formación, a Xosé Carlos Vidal.

Pero a cambio Nós Pobra trasladoulle ó resto de forzas dese posible cuadripartito unha serie de contraprestacións, referentes a concellerías e futuras dedicacións, que son as que agora se están a negociar.

Todo apunta a que finalmente si haberá acordo, co fin de chegar ó pleno de investidura de mañá, previsto para a unha do mediodía, con todo xa atado ou case, e retomar posteriormente as negociacións coa alcaldía xa asegurada.