Ribeira continúa coa conxelación das taxas e impostos

RIBEIRA> Reducirá en preto dun 10% a taxa de depuración para o vindeiro ano 2022 e baixará un 2% o imposto de circulación. Tamén suspenderá por terceiro ano consecutivo o pago de terrazas á hostalería local.

O executivo ribeirense continúa coa liña marcada hai uns anos de redución ou conxelación da maioría dos impostos e taxas municipais.

A súa modificación será levada ó vindeiro pleno deste mes de outubro para a súa aprobación.

Segundo explicou a tenente de alcalde, Mariola Sampedro, o Imposto de Bens Inmobles seguirá o ano que vén no mínimo legal, o 0,4%, mentres que o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica diminuirá un 2%, o que o sitúa entre os máis baixos da comarca.

En canto ás taxas, destacou a baixada que se aplicará á depuración, despois de que o Concello puidese adxudicar este servizo. Será preto dun 10% menos o que a veciñanza notará nos seus recibos.

Tampouco se cobrará pola instalación das terrazas.

En canto ó conservatorio municipal, as bonificacións por segundo fillo ou outro membro dunha unidade familiar pasarán do 25% ó 50%; mentres que as aplicables a partir do terceiro membro pasarán do 50 ao 75%.

Outras modificacións fiscais están dirixidas a axilizar certos trámites relacionados coa ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ordenanza municipal nas comunicacións previas ou a taxa pola realización de actividades urbanísticas.

Tamén se modifica o artigo 9 da ordenanza do ICIO co fin de clarificar a documentación a achegar polos interesados como custe real e efectivo das obras realizadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí