Boas impresións na apertura da campaña marisqueira en Noia

NOIA> Máis madrugadora que de costume, este luns arrancou a campaña marisqueira en Noia. Preto de mil seiscentos mariscadores saíron ó mar nesta primeira xornada na que, a pesar das poucas expectativas con que partían, constataron o bo estado dos bancos. Aínda que o tamaño e bo e o marisco está ben cheo, este arranque pouco ten que ver co do pasado ano cando xa a primeira xornada facía augurar unha campaña de récord, como finalmente foi. Haberá que agardar a ver como evoluciona a actividade nas próxima xornadas, en función da zona na que se traballe e da cotización que alcance o marisco. Mentres tanto, os mariscadores cruzan os dedos para que a toxina non faga acto de presenza e obrigue a pechar a actividade nos próximos meses.