Caldas reclama unha actuación integral no Umia para rematar co problema da cianobacteria

CALDAS> A Xunta envía unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación do río Umia. A Delegación Territorial acolleu esta mañá unha reunión de traballo co comité de emerxencia de Caldas, e quixeron disipar calquera dúbida sobre o consumo de auga nos municipios que se abastecen do río. Así as cousas, o concello manterá un encontro con Augas de Galicia para reclamar investimentos que rematen coa problemática da microcistina.

O concello de Caldas quere solucións para a situación do río Umia. O comité de emerxencia mantivo hoxe un encontro coa Xunta de Galicia, no que conseguiron o compromiso do delegado territorial en Pontevedra de fixar unha reunión con Augas de Galicia para abordar de xeito global o estado do río na procura de investimentos.

Así as cousas, tanto o concello como a Xunta quixeron enviar unha mensaxe de tranquilidade á poboación. As diferentes análises da auga do Umia indican que se atopa en parámetros aptos para o consumo, a pesares da presenza de cianobacterias.

En concreto, as probas confirmar que a presenza de cianobacterias diminuíu lixeiramente na cabeza do encoro. Porén, na cola habería unha explosión que previsiblemente remataría por trasladarse ao resto do río. Por iso, Caldas quere implicar a todos os concellos da conca.

Pola súa banda, a Xunta asegura que Sanidade non detectou toxina microcistina no río Umia, aínda que si a presenza de cianobacterias no río e no encoro. Así as cousas, defenden que os niveis sempre se mantiveron por debaixo dos preventivos da Organización Mundial da Sáude.