A Xunta dá un mes de prazo á concesionaria de San Finx para axustarse ós parámetros de vertido

LOUSAME> A Xunta de Galicia requírelle á concesionaria da mina de San Finx que se axuste á autorización de vertido no prazo dun mes. De non cumprir cos parámetros establecidos, podería revogar a autorización outorgada o pasado mes de febreiro.

A través de Augas de Galicia, a Xunta vén de requirirlle á empresa Tungsten San Finx S.L. que axuste a xestión das augas residuais xeradas nas instalacións da mina ás condicións establecidas na autorización.

A empresa concesionaria deberá acreditar documentalmente este axuste no prazo máximo dun mes  De non ser así, o incumprimento podería derivar na revogación da autorización de vertido.

Este requirimento prodúcese despois de que os técnicos de Galicia constataran nunha recente inspección a falla de execución en prazo das instalacións de tratamento para a correcta evacuación das augas residuais na balsa de decantación final.

No transcurso da inspección, enmarcada no plan de seguimento e control, tamén se detectou o vertido de augas residuais ó rego Rabaceiras en dous puntos non autorizados superando os límites impostos para os parámetros de cobre, cadmio e cinc.

Trátase dunha infracción grave polo que Augas de Galicia xa iniciou o correspondente expediente sancionado que podería derivar en multas de ata 300 mil euros.

Compre lembrar que que Augas de Galicia concedeu en febreiro a autorización para a execución dunha depuradora á empresa tungsten San Fins S.L incluíndo 18 condicionantes que debía cumprir sobre a correcta xestión do vertido e unha depuración axeitada das augas residuais da mina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí