O BNG comarcal oponse ós actos militares do 850 aniversario de Noia

NOIA> Os responsables do consello comarcal do BNG deron lectura a un comunicado oficial no que expresan o seu rexeitamento a moitos dos actos organizados polo concello de Noia para conmemorar o 850 aniversario da entrega da carta pobra á vila. Se ben amosan a súa satisfacción polas xornadas técnicas e conferencias históricas e culturais celebradas no Coliseo Noela, difiren por completo dos actos militares previstos para este fin de semana. Lembran dende o BNG que este aniversario conmemora a entrega por parte de Fernando II, no século XII, da carta pobra a Noia como punto dinamizador do reino de Galicia.  Polo que non entenden que se celebre coa xura dunha bandeira que nin tan sequera existía. Os nacionalistas consideran que os actos deberían centrarse na sociedade civil que contribuíu a dinamizar económicamente a vila, tal e como acontece agora co comercio local. Pola contra, entenden que estes actos ‘militares e españolistas’ teñen por obxecto silenciar a verdadera historia.