Durán cre que Carmela Silva e Abel Caballero lideran unha trama corrupta na Deputación de Pontevedra

VILANOVA> Nova demanda xudicial do Concello de Vilanova contra a Deputación de Pontevedra. Desta volta, por un proxecto de mobilidade na zona de Tremoedo que, segundo o ente provincial, foi valorado por técnicos, non por cargos políticos. O alcalde vilanovés di que iso non é certo e que a axuda foi denegada por criterios arbitrarios. Gonzalo Durán acusa á presidenta provincial e ó alcalde de Vigo de se-los líderes dunha suposta trama corrupta. Advirte que o tempo lle dará a razón, cando tanto Carmela Silva como Abel Caballero acaben na cadea.

Pasaron dúas semanas dende que o alcalde de Vilanova lle chamou ‘chacha para todo’ á presidenta da Deputación de Pontevedra e hoxe Gonzalo Durán decidiu engadir un novo episodio na súa ofensiva contra o ente provincial.

Desta volta, a conta dunha subvención solicitada polo concello vilanovés no marco do Plan DepoRemse da Deputación. O proxecto presentado polo goberno local pretendía crear unha zona peonil en Tremoedo, na contorna do colexio, o pavillón e a Casa da Cultura… pero veu denegado. O rexedor sospeita que esa negativa responde a cuestión políticas e arbitrarias, polo que anunciou a interposición dunha demanda xudicial contra o goberno provincial.

Gonzalo Durán acusa á Deputación de prevaricación. Di que sumando casos, son moitos os millóns de euros os que se están a desviar dos concellos pequenos da provincia a Vigo. Esta teoría leva a Gonzalo Durán a concluír que no goberno provincial hai instaurada unha trama corrupta lidera por Carmela Silva e Abel Caballero.

Advirte que o tempo lle dará a razón, cando tanto a presidenta provincial como o alcalde de Vigo acaben na cadea.

Segundo Gonzalo Durán, para o proxecto de peonalización de Tremoedo a Deputación argumenta que non quedan fondos. Non é iso o que asegura o propio ente provincial. Vía comunicado, a Deputación lémbralle ó PP que a concesión dos proxectos do Plan DepoRemse, no que se incluiría este de Vilanova, foi valorado de forma técnica e seguindo criterios obxectivos por funcionarios, non por políticos. Dende o goberno provincial din que ‘non hai trampa nin cartón’ posible porque eses funcionarios que avalían os proxectos son os mesmos que estaban cando o PP gobernaba na Deputación.