Os orzamentos autonómicos destinan 26,6 millóns a Pontevedra

Pontevedra> Esta mañá presentáronse os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2019. Os investimentos destinados a Pontevedra, que sumarán 26,6 millóns de euros, foron detallados polo presidente do PP local, que destacou entre os proxectos que se financiarán na cidade o Gran Montecelo e o saneamento da ría.

Os orzamentos autonómicos para o 2019 inclúen para Pontevedra unha inversión total de 26,6 millóns de euros, un 16% máis que no documento do 2017. Dende o PP local valoraron moi positivamente este aumento de fondos.

Entre os proxectos que se inclúen nestes orzamentos, Rafa Domínguez destacou o Gran Montecelo, que terá unha partida de 12,3 millóns de euros.

O segundo gran proxecto será o saneamento da ría, que recibirá un total de 7,6 millóns de euros.

Tamén se destinarán 2,8 millóns para finalizar o edificio xudicial da Parda e 1,8 millóns para a reforma da antiga sede de Benito Corbal. A estación intermodal recibirá 1,6 millóns de euros.

No que se refire a infraestruturas, parece que avanza o proxecto da variante de Alba, que contará con medio millón de euros.

Tamén haberá fondos para o dragado do Lérez ou a residencia de maiores, que se inclúen en partidas xenéricas.