BOIRO> O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá en Boiro os cursos de formación que o Goberno Autonómico desenvolverá na comarca. A convocatoria terá un carácter plurianual e beneficiará a uns 360 desempregados.
As instalacións da Academia Arca, en Escarabote, foron o lugar escollido para a presentación dos cursos que a Xunta de Galicia desenvolverá na comarca do Barbanza, a través do Plan de Emprego de Formación 2018-2019. Serán en total 24 cursos dirixidos prioritariamente a desempregados, nos que poderán participar unhas 360 persoas que deste xeito poderán ver ampliadas as súas capacidades laborais.
Segundo explicou o propio delegado na presentación destes cursos, este tipo de accións, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, contan co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ó mercado laboral, ó tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas.
Un dato este da accesibilidade ó mercado laboral, no que tamén incidiu o alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, quen destacou que a través destes cursos, os participantes poderán obter os correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España.
A academia Arca, con sede tamén en Ribeira, está a impartir nestes momentos tres cursos relacionados con operación de sistemas informáticos, administración de bases de datos e de atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociai. Todos eles cun investimento duns 155 mil euros.