Homenaxe ó párroco de Lampón nas súas bodas de prata como sacerdote

BOIRO> Os parroquiáns de Santiago de Lampón renderon unha emotiva homenaxe a Marcelino Sánchez Somoza, no vinte e cinco aniversario do seu sacerdocio. Unha multitudinaria misa e o posterior xantar, rodeado de amigos e veciños, serviron para brindar unha cálida homenaxe ó párroco. Don Marcelino Sánchez Somoza pode presumir de ser un dos curas máis queridos en todo o Barbanza. Así quedou en evidencia este domingo cando se cumprían vinte e cinco anos dende que se oficiou sacerdote. A igrexa de Santiago de Lampón quedou pequena para acoller ós centos de feligreses que quixeron participar na homenaxe ó seu párroco, do que destacan a súa entrega e humanidade. Ademais de familiares, amigos e autoridades, ata o templo desprazáronse numerosos veciños de Moaña, onde o párroco iniciou a súa carreira así como alumnos e mestres do Instituto Número Un de Ribeira onde imparte clases de relixión. Tamén numerosas autoridades, co alcalde de Boiro á cabeza, quixeron sumarse a esta sentida homenaxe. Rematada a misa, os asistentes desprazáronse ata o restaurante Chicolino para disfrutar dun xantar de confraternidade. Alí, ademais de palabras de cariño e admiración, o sacerdote recibiu numerosos agasallos, entre eles unha placa en lembranza deste aniversario. Don Marcelino tomou a palabra para agradecer as mostras de afecto dos seus parroquianos, nunha data tan especial que coincidía ademais co seu cincuenta cumpreanos. Unha dobre celebración para festexar na mellor compañía.