A renovación dos pantaláns na Pobra estará concluída este verán

POBRA> Así o confirmou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, durante unha visita as obras. Na actuación a Xunta inviste preto dun millón de euros.

Acompañada do alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e do patrón maior, Enrique Maceiras, a presidenta da Portos de Galicia supervisou esta mañá o desenvolvemento das obras de renovación e mellora que se están a executar actualmente nos pantaláns para profesionais do peirao da Pobra.

Entre outros aspectos, a actuación ten coma finalidade a substitución do actual pavimento, moi deteriorado, por outro novo, de madeira tecnolóxica, así como a instalación de novos fingers, de maior tamaño, que permitirán crear prazas de amarre de maiores dimensións, moito máis funcionais para os profesionais que habitualmente empregan estas instalación.

A obra responde a unha vella demanda do pósito pobrense.

O patrón maior aproveitou a visita para volver a recordar un proxecto tamén pendente no porto como é o caso da mellora da actual dinámica de correntes mariñas que afecta gravemente ó marisqueo nos bancos do Areal e os Raposiños.

A actuación na Pobra ascende a un millón de euros. Súmase ós proxectos de renovación que se están a acometer tamén noutros peiraos da provincia como é o caso de Rianxo e Sada cun orzamento total de dous millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí