Ribeira tramita as primeiras multas por depositar lixo na vía pública

RIBEIRA> O concello de Ribeira traballa na mellora do sistema de recollida selectiva do lixo. Ademais das numerosas campañas informativas que están en marcha, incrementouse o control sobre o depósito de residuos na vía pública, infracción pola que xa se teñen tramitado as primeiras multas.

Evitar os vertedoiros incontrolados e favorecer a limpeza das rúas e espazos públicos. Estes son os obxectivos da campaña de control que vén de poñer en marcha o concello de Ribeira para involucrar á cidadanía na mellora do depósito do lixo nos contedores.

A Policía Local xa tramitou varios expedientes por estas infraccións, especialmente naqueles puntos negros onde adoita acumularse lixo fóra dos contedores.

Dende o concello lembran ademais que existe un horario para o depósito de residuos orgánicos, de nove da noite ás seis da mañá, así como un punto limpo e un servizo municipal de recollida de enseres voluminosos.