O estudo do #PrimAcoso confirma a normalización da violencia contra as mulleres

PONTEVEDRA> O estudo da campaña #primacoso conclúe que as violencias contra as  mulleres comezan na infancia. O dato forma parte da análise cualitativa de preto de 3000 mensaxes en redes sociais recollidos durante a iniciativa que promoveu o concello no 2016 con motivo do 25N.

O grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero da Universidade de Vigo ven de realizar un estudo cualitativo dos relatos recollidos en preto de 3000 mensaxes en redes sociais durante a campaña #Primacoso.

No 2016 o concello de Pontevedra levou a cabo esta iniciativa con motivo do 25N co obxectivo de visibilizar os microacosos e lanzar a mensaxe de que todas as mulleres somos potenciais vítimas. Ó mesmo tempo, pretendíase analizar a reacción ante a campaña.

O estudo conclúe que a violencia contra as mulleres é un fenómeno xeneralizado e ten impacto ó longo da súa vida. Ademais ponse de manifesto que o acoso se trata dunha violencia interiorizada na sociedade e polas propias nenas e mulleres.

O estudo dividiuse en tres grandes categorías: as violencias múltiples que sofren as nenas, as violencias múltiples que sofren as mulleres e a acollida dos microrrelatos compartidos nas redes.

O 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron o seu primeiro acoso na infancia e o 24%, na idade adulta.

O 94% das mulleres que valoraron a campaña fíxoo positivamente e un 6% criticou a iniciativa ao entender que era excesiva e rompía os marcos de convivencia. No caso dos homes que valoraron a campaña o 58% fixo comentarios negativos e o 42%, positivos.

A directora do CIM de Pontevedra, Rosa Campos puxo a énfase na visibilización das violencias que sofren as mulleres e que quedou á vista na campaña #primacoso.

As autoras da investigación analizaron os relatos recollidos en 2.924 tweets e 326 comentarios de facebook, ademais do millón e medio de contas alcanzadas e máis de 4 millòns de impactos nas redes.