PONTEVEDRA> O número 49 da rúa Benito Corbal, en Pontevedra, estreou hoxe a súa nova vida. Esta mañá abriu as portas o novo supermercado de Gadis na cidade. Con 2.200 metros cadrados de superficie, trátase do establecemento máis grande que ten a empresa nun centro urbano. Dende Gadis aseguran que aquí manterán a súa aposta polo produto de proximidade.
Esta imaxe xa queda na memoria dos pontevedreses. A esquina que durante décadas ocupou a gasolinera Costa Giráldez, en pleno centro de Pontevedra, acolle un supermercado Gadis. Tras meses de obras, hoxe abriu as portas ao público.
Dende a empresa explican que neste novo supermercado, que conta con máis de 10.000 referencias, manteñen a súa aposta polo produto fresco e pola compra aos produtores de proximidade. Algo que lles permite controlar de primeira man a calidade.
Este novo Gadis conta con 40 empregados. A metade, procedentes do anterior supermercado que a marca tiña na mesma rúa Benito Corbal.
En canto ás instalacións, o novo edificio está dividido en dúas plantas. Ademais de peixería, carnicería, froitería e chacinería, dispón dunha ampla oferta en adega e dunha sección de panadaría con persoal propio.
Na súa primeira xornada, o supermercado foi un continuo ir e vir de clientes, sorprendidos co resultado dunha reforma que se realizou seguindo estritos parámetros medioambientais.
Este novo supermercado Gadis, no número 49 da rúa Benito Corbal, estará aberto ao público entre as 9 da mañá e as 9 e media da noite.