A antiga lonxa do Mercado terá unha nova vida: acollerá un obradoiro para transformar produto local

PONTEVEDRA> Nova iniciativa do Concello de Pontevedra para dinamizar o mercado de abastos. O goberno local traballa para habilitar un novo servizo: un espazo no que os usuarios poidan transformar produto local, pensado tanto para pequenos produtores ou pequenas empresas agroalimentarias. Estará situado no antigo espazo da lonxa e contará co equipamento necesario para elaborar, por exemplo, marmeladas ou conservas. O primeiro paso será a realización dunha asistencia técnico para avaliar as súas necesidades. Sairá a licitación a vindeira semana por un importe de 17.500 euros.

Pontevedra quere encher de actividade a antiga lonxa do Mercado de Abastos. O espazo na planta baixa está actualmente baleiro e a intención do goberno é convertelo nun lugar de traballo compartido para a transformación de produto local.

Este obradoiro estará totalmente equipado para elaborar, por exemplo, conservas, fermentos ou marmeladas. E estará aberto a pequenas empresas agroalimentarias ou produtores particulares.

Antes de que bote a andar, o primeiro paso será avaliar as súas necesidades. Farase mediante unha asistencia técnica. A licitación abrirase a vindeira semana por un importe de 17.500 euros.

Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino financiado con fondos europeos Next Generation. E súmase a outras propostas postas en marcha polo goberno local para revitalizar o mercado.

Gulías subliñou o carácter innovador desta iniciativa participativa. Asegurou que non ten constancia de que exista un espazo urbano así noutra cidade galega. Si existe unha iniciativa semellante no concello de Brión.