A alcaldesa de París gaba o modelo pontevedrés na clausura do Forum Smart City

56

PONTEVEDRA> Fernández Lores mantivo onte un breve encontro coa alcaldesa de París. Fíxoo no acto de clausura do Forum Smart City da capital francesa, onde o rexedor pontevedrés explicou o modelo urbano da Boa Vila. Anne Hidalgo cualificou de visionario o modelo que leva 20 anos transformando Pontevedra e dixo que intentará visitala no vindeiro ano.

A alcaldesa de París gabou a Pontevedra pola súa adaptación ás esixencias do cambio climático e á vida urbana de calidade. Foi na clausura do Forum Smart City, un encontro presidido polo lema “Obxectivo cero carbono” e no que Fernández Lores explicou as terapias que se poden aplicar ás cidades enfermas polas emisións de gases contaminantes.

O alcalde pontevedrés convidou formalmente á alcaldesa parisiense a visitar Pontevedra. A rexedora gala recoñeceu que sería interesante comprobar de primeira man a transformación da cidade.

Hidalgo marcase como obxectivo que París sexa unha auténtica capital verde para o 2024, para o que se propón reducir o tráfico tanto na capital coma na área metropolitana, que ten unha poboación de 12,4 millóns de habitantes. A alcaldesa agradeceu a Lores a súa participación no foro, que cualificou de interesante e necesaria, con ideas que comparten para aplicar na capital francesa.