A alta velocidade do Eixe Atlántico comezará a funcionar este sábado

 

PONTEVEDRA> A alta velocidade do Eixe Atlántico comezará a funcionar este sábado. Así o anunciou esta mañá a Ministra de Fomento, que asistiu a un almorzo informativo en Pontevedra. Ana Pastor adiantou tamén que os billetes sairán á venda mañá, mantendo os prezos que tiñan ata o de agora. A nova infraestrutura unirá Vigo e A Coruña en tan só 70 minutos.

 

A partires deste sábado, os galegos poderemos viaxar en trens de alta velocidade. Esta fin de semana entrará en servizo este trazado do Eixe Atlántico, que une Vigo e A Coruña.

Os billetes sairán á venda mañá, e poderán adquirirse tanto nas estacións como a través de internet, mantendo os prezos. Tamén se manteñen os servizos de proximidade, parando os trens nas estacións intermedias como Pontevedra, Vilagarcía ou Padrón.

Estes servizos permitirán reducir o tempo de viaxe media un 40%, permitindo que os máis de 155 quilómetros entre Vigo e A Coruña se realicen en 70 minutos. Tamén se incrementará nun 50% o número de prazas, pasando das 185 actuais a 282.

Pastor anunciou tamén que as obras do treito entre Vilaboa e A Ermida da nomeada circunvalación de Pontevedra arrancarán este verán. A intención é que este ano se remate a redacción do proxecto no treito A Ermida-Pilarteiros. Sobre estes traballos, o alcalde pontevedrés fixo fincapé na importancia de que se licite o seguinte, que unirá Pilarteiros e Barro, coa conexión do Nó de Curro.

Fernández Lores destacou que a AP-9 non pode ser a única alternativa de conexión por estrada entre o norte e o sur da provincia, sobre todo tendo en conta a densidade de tráfico da N-550, con máis de 25 mil vehículos ao día.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/13/almorzo_ana_pastor_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/13/almorzo_ana_pastor_pontevedra.mp4{/flowplayer}