PONTEVEDRA> ‘Fai da loita contra o cancro a túa bandeira’. Con este lema saíu hoxe á rúa a Asociación Española contra o Cancro. A entidade celebrou esta xornada a súa tradicional campaña de doazóns a pé de rúa. A través de petos e de mesas petitorias, máis dun cento de voluntarios axudaron para conseguir fondos que se destinarán á investigación nesta enfermidade e ao apoio dos pacientes e das súas familias.
A Asociación Española Contra o Cancro anima á cidadanía a facer da loita contra esta enfermidade a súa bandeira. A entidade quere implicar á sociedade para seguir aumentando a supervivencia nestas patoloxía. E, para isto, é fundamental a investigación.
Para apoiar os estudos sobre o cancro, máis de 130 voluntarios da asociación participaron esta xornada na súa tradicional recollida de donativos a pé de rúa.
Dende a asociación recordan que non todos os cancros se investigan o suficiente. Tampouco todos os pacientes acceden en equidade aos resultados destes estudos. A meta da asociación está clara. Pretenden acadar o 70% de supervivencia no ano 2030. É dicir, que sete de cada dez persoas con cancro sobrevivan á enfermidade.
Con esta recollida de donativos, a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra busca tamén seguir apoiando aos pacientes que sofren esta enfermidade e aos seus familiares.
Só no 2021, a asociación pontevedresa realizou case 15.000 intervencións a pacientes con cancro e familiares de toda a provincia.