Os orzamentos municipais a dous pasos da súa aprobación

20

PONTEVEDRA> O orzamento municipal para o 2019 avanza na súa tramitación. Tras ser aprobado o proxecto en Xunta de Goberno extraordinaria, hoxe foi entregado ó resto dos grupos da corporación. Só queda a presentación de emendas e o dictame para poder levalo a Pleno o 14 de decembro. Segundo as posturas anunciadas polos distintos grupos políticos, o goberno local non terá problemas para aprobalos.

A comisión de Economía e Facenda, reunida hoxe para a entrega do proxecto de orzamentos municipais, xuntarase novamente o vindeiro mércores para tratar as emendas ó documento. O 10 de decembro someterase a ditame e o 14 podería ser levado a Pleno para a súa aprobación.

Sobre o contido do documento orzamentario, o voceiro do goberno local explicou que será o máis cuantioso da historia, ascendendo ata os 76,6 millóns de euros, un 2% máis que o anterior. En canto as súas características, definiuno coma un orzamento expansivo, investidor e cunha grande carga social.

O capítulo de Persoal ascende a 23,3 millóns de euros, incluíndo a subida salarial acordada polo ministro Montoro cos sindicatos e a incorporación de 10 traballadores.

A petición do PSOE incrementouse a partida para a futura relación de postos de traballo ata os 300.000 euros.

O gasto corrente contará con 33,9 millóns de euros. O incremento de 2 millóns con respecto ó ano anterior débese ós gastos relacionados cos EDUSI.

Dentro desta partida tamén se prevé unha posible indemnización de 466.000 euros se queda deserta a adxudicación do aparcamento de Veteris e o incremento de 300.000 euros para o servizo de axuda no fogar.

Raimundo González destacou a redución da débeda.

No capítulo de investimentos contémplanse as intervencións na Ponte do Burgo, a rúa Loureiro Crespo, o Pavillón da Parda, as melloras en Mollabao ou o acceso a Monte Porreiro, entre outras. A partida ascende a 12,5 millóns, ós que habería que sumar os 37 millóns que Viaqua terá que empregar en obras de saneamento ou os 5 millóns que terá que investir a adxudicataria da piscina de Campolongo.

Por último, o voceiro municipal destacou a conxelación de tódalas taxas e impostos e gabouse de que o documento recolle demandas dos grupos políticos e das federacións veciñais.