Sanxenxo garda un minuto de silencio polas vítimas do naufraxio do ‘Sin querer 2’

SANXENXO> Posteriormente ao pleno no que se decretaron tres días de loito oficial e simultáneamente ao concello de Cambados, en Sanxenxo tamén se gardou un minuto de silencio.

Os membros da Corporación Municipal, amigos, familiares e veciños dos tripulantes da localidade gardaron un minuto de silencio as portas do consistorio.

O regreso a casa do buque truncouse de camiño a casa, despois de descargar a súa pesca no porto de A Coruña. Ninguén se explica aínda que foi o que puido pasar xa que a zona ten un calado importante e o barco era un dos mellores da flota portonovesa tal e como sinalou o ex patrón maior da localidade.

Os tripulantes que sobreviviron ao naufraxio están en bo estado aínda que conmocionados polos acontecementos.

Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez son os tres falecidos polo de agora a falla de que se atope a Guillermo Casais, que é o único desaparecido. Hoxe en Sanxenxo era inevitable non recordar a traxedia que acontecía no mes de abril de 2017 en Combarro e na que perderon a vida tres mariñeiros ao chocar a súa embarcación con unha batea. Tamén houbo unha mostra de apoio aos tripulantes do Silvosa, con base en Malpica de Bergantiños, que a menos de 24 horas do accidente do “Sen querer 2”, envorcou deixando outro falecido nas augas galegas.