A clase política solidarízase coas familias das vítimas do naufraxio do ‘Sin querer 2’

CAMBADOS> Canda os centos de veciños, na concentración participaron numerosos representantes políticos, a tódolos niveis. Ademais dos representantes das cinco formacións con presenza no Concello, ó acto sumáronse o Delegado do Goberno en Galicia, a subdelegada na Provincia de Pontevedra e o Delegado da Xunta.

A clase política uniuse á dor de Cambados. Pedro Sánchez, a través do Delegado do Goberno en Galicia, trasladoulle as súas condolencias ós familiares das vítimas. Pesar tamén na Xunta. O seu Delegado na provincia de Pontevedra aproveitou para recoñece-lo traballo dos corpos de emerxencia e dos barcos que colaboraron no operativo de onte.

Na concentración desta mañá participaron tamén representantes de tódalas formacións con representación no Concello. Todos coinciden en que esta á unha traxedia que asola a toda a vila e que nunca antes Cambados vivira tanta dor. Dor á que se une tamén o voceiro da oposición na vila.

A Deputación de Pontevedra, pola súa banda, remitiu nun comunicado as súas condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos. A presidenta, Carmela Silva, decidiu cancela-la súa axenda oficial porque, segundo apuntou, agora é o momento de estar coas vítimas.

En Cambados, as bandeiras do Concello ondeaban xa esta mañá a media asta, coa galega ataviada cun crespón negro. Na vila decretáronse tres días de loito oficial. Ata a medianoite do vindeiro sábado suspendéronse as actividades de Nadal e alumeado das festas permanecerá apagado.