RIBEIRA> A alerta laranxa polo temporal costeiro non foi quen de disuadir ós veciños de Aguiño que un venres máis saíron á rúa para reclamar dous médicos a tempo completo. Ademais do reparto de pancartas para colgar nos balcóns, anunciaron que a próxima semana levarán a súa protesta ata Santiago.
Aínda que a intensificación das protestas comezou a dar o seu froito traducíndose na incorporación dunha doutora a tempo completo e outra a tempo parcial a situación dista aínda moito de satisfacer as demandas dos 1800 pacientes do centro de saúde de Aguiño.
A concentración deste mediodía concluíu co reparto de pancartas para empapelar os balcóns e fachadas de Aguiño de cara á manifestación prevista para o sábado 15 de febreiro a partir das cinco da tarde. Pero a seguinte cita será xa o próximo venres coa concentración ás portas da Consellería de Sanidade nas que lle farán chegar ó SERGAS as máis de dúas mil sinaturas recollidas.
A Plataforma pola Snaidade Pública do Barbanza disporá autobuses de balde con saída dende Aguiño para os interesados en asistir.











