A Xunta rehabilitará un edificio de vivendas en Monte Porreiro

PONTEVEDRA> A Xunta rehabilitará un edificio en Monte Porreiro que sumará un baixo comercial e tres vivendas de promoción pública máis ás 79 que xa se están a restaurar no barrio pontevedrés.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá o edificio da rúa Alemaña en Monte Porreiro que vai ser rehabilitado para engadir 3 novas vivendas e un baixo comercial á oferta de promoción pública do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A obra, que suporá un investimento de 200.000 euros, centrarase no illamento térmico e mellora das instalacións.

Ó proceso de licitación téñense presentado catro empresas. Unha vez resolto o concurso, a adxudicataria terá cinco meses para acometer as obras. As tres vivendas e o baixo comercial deberían estar listos para a súa adxudicación despois do verán.

Esta intervención súmase ás 79 vivendas de promoción pública que se están a rehabilitar na rúa Bélxica, no mesmo barrio de Monte Porreiro.

A conselleira informou de que Pontevedra conta con arredor de 500 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro ou de compra-venda. Tamén lembrou que no concello están en marcha actuacións en dúas Áreas de Rehabilitación Integral.

A administración autonómica ten abertas 16 liñas de axudas para fomentar a rehabilitación en toda Galicia, cun orzamento que ascende a case 53 millóns de euros.