POBRA> O concello da Pobra conta con oito novos desfibriladores que se veñen sumar ó dispositivo portátil de Protección Civil. O executivo asinou un contrato por un ano coa empresa ‘Proyecto Salvavidas’ para a instalación e mantemento dos aparatos así como a formación de diversos usuarios.
Nas próximas semanas, A Pobra converterase nun concello cardioprotexido. A empresa Proyecto Salvavidas xa iniciou a instalación dos novos desfibriladores que permitirán reducir notablemente o tempo de resposta nos casos de paradas cardiorrespiratorias.
Os oito novos desfibriladores instalaranse nos principais puntos de risco do municipio: instalacións deportivas e zonas máis concorridas. Dotarase tamén á policía local dun aparato portátil, como do que xa dispón Protección Civil.
Ademais da instalación e mantemento dos desfibriladores, a empresa ofrecerá formación a máis de sesenta persoas: entre eles técnicos municipais, axentes da policía local ou persoal dos clubs deportivos do municipio.