Novos usuarios reciben as chaves das hortas urbanas de Monte Porreiro

PONTEVEDRA> Esta mañá entregáronse as hortas urbanas de Monte Porreiro. As chaves da parcela, que inclúe 22 bancais, foron cedidas ós novos usuarios para que comecen a traballar o terreo, que lles foi adxudicado por dous anos con posibilidade dunha prórroga de dous anos máis.

As hortas urbanas situadas no Miradoiro de Monte Porreiro teñen dende hoxe novos coidadores. O concelleiro de Parques visitou esta mañá a instalación e asistiu á entrega das chaves que abren a parcela e o armario onde se gardan os aparellos de traballo.

No acto quedaron desertas dous bancais, que serán adxudicados a solicitantes que están na lista de agarda.

Tamén no barrio de Monte Porreiro, a Concellaría de Parques creará unha horta urbana anexa ao Local social de Monte Porreiro para que poidan “traballar” nela os nenos que participan na ludoteca Carabuñas.

As hortas urbanas de Monte Porreiro foron recuperadas pola empresa de inserción laboral “Feito”, vinculada á entidade social Rexurdir. A empresa encárgase do mantemento das instalacións. Ademais ofrece asesoramento ós usuarios.

O Concello de Pontevedra realizou durante os pasados meses un proceso de reformulación das hortas urbanas municipais para darlles unha articulación legal máis acaída, e unificalas no departamento de Medio Ambiente, xa que, até o de agora, a Finca do Conde a xestionaba Igualdade.

Paralelamente, a Concellaría está a traballar no acondicionamento das hortas urbanas da Finca do Conde, que se poderán entregar aos novos usuarios ao longo deste mes ou a primeiros de xaneiro.