CUNTIS/BARRO> Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas acordan a creación dunha nova Mancomunidade. O organismo supramunicipal busca compartir servizos entre os concellos, na procura dunha maior eficiencia e unha redución do gasto. Os municipios implicados puxeron en marcha hoxe o proceso administrativo e xurídico para a súa creación. Terá unha presidencia rotatoria e polo, momento, a súa sede estará en Cuntis.
Despois de dous anos de conversas, Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas dan o paso. Os cinco concellos decidíronse a crear unha nova Mancomunidade. Unha oportunidade, entenden os municipios, para unir servizos e proxectos comúns.
Así que, logo do acordo, hoxe mesmo comezou o proceso administrativo e xurídico para a creación deste novo organismo. Explican que a unificación de servizos a través da Mancomunidade traducirase nunha mellor atención ós veciños e nunha considerable redución de gastos.
De entrada, os cinco concellos poñen o foco na recollida do lixo e na reciclaxe. A nova entidade nace con vontade de consenso. De feito, os cinco concellos acordaron xa que os proxectos a impulsar terán que saír adiante sempre por unanimidade.
Polo de agora a súa sede estará en Cuntis. Segundo avanzan, a súa presidencia será rotatoria. Os municipios fundadores deixan a porta aberta á incorporación no futuro doutros concellos. O novo organismo aínda está sen bautizar. Na práctica é herdeiro da inoperativa Mancomunidade Ulla-Umia que, no seu momento, soubo coordinarse na loita contra os incendios forestais.