Marea critica a prórroga solicitada pola Deputación para os terreos da Xunqueira de Alba

PONTEVEDRA> Marea Pontevedra critica a decisión da Deputación de Pontevedra de pedir unha prórroga da concesión dos terreos da Xunqueira de Alba nos que se atopan o parque de maquinaria e a imprenta provincial. Segundo o grupo político, con isto incumpren o compromiso adquirido hai tres anos de desmantelar as instalacións para a recuperación ambiental da zona.

No 2015 o pleno da Deputación de Pontevedra aprobou unha instancia do deputado provincial de SON, Xosé Lois Jácome, pola que se comprometía a renunciar a pedir unha ampliación da concesión dos terreos ocupados pola Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria no entorno da Xunqueira de Alba. Tres anos despois, o organismo provincial anunciou que solicitará a prórroga desta concesión, o que sorprende a Marea Pontevedra.

Luís Rei informou de que xa ten rexistrada unha moción para que a corporación municipal inste á deputación a abandonar a Xunqueira de Alba e colaborar na recuperación dos terreos.

O voceiro de Marea considera “sangrante” o asunto, tendo en conta que a zona foi declarada Espazo Natural de Interese Local no 2012.

Pola súa banda, o deputado de SON preguntará por escrito á Deputación as razóns do incumprimento do acordo plenario e os plans para o parque de maquinaria e a imprenta provincial.