A cervexa artesá reivindicarase en Pontevedra coa primeira edición do Festival Aciga

PONTEVEDRA> A cervexa artesá reivindícase en Pontevedra. E faino, ademais, por todo o alto. Do 30 de abril ao 4 de maio o Recinto Feiral acollerá o primeiro Festival Aciga, organizado pola Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesáns. Trátase dunha cita que combinará catas, xornadas técnicas, un mercado de segunda man e mesmo un festival de música punk creado para a ocasión, o Troneira Fest. Todo será con entrada libre.

A cervexa artesá reivindícase en Pontevedra. O Recinto Feiral da cidade é o espazo escollido pola Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesáns para celebrar a primeira edición do Festival Aciga.

A cita desenvolverase do 30 de abril ao 4 de maio. Comezará cunha xornada técnica alimentaria, con 13 relatorios de diferentes provedores chegados de todo o mundo.

O día 1 de maio celebrarase outro dos eventos centrais da programación: os Premios Aciga, cos que se busca poñer en valor o traballo dos produtores.

Os días 2 e 3 a cita ten preparado un mercado artesán e de segunda man. Ademais, o 3 e o 4 de maio celebrarase a primeira edición do Troneira Fest.

Aciga engloba a 11 dos 15 produtores de cervexa artesá que hai en toda Galicia. Actualmente, acadan unha produción total dun medio millón de litros,que representa algo menos dun 2% do mercado.