Ferido grave o empregado dunha gasolineira nun atraco

RIBEIRA> O suceso producíase na madrugada do sábado cando dous encapuchados se fixeron coa caixa rexistradora do establecemento, ferindo ó traballador dun disparo nunha perna.

Esta gasolineira, Agro do Forno, situada en Salmón, na parroquia ribeirense de Oleiros foi un dos últimos brancos dos cacos. O suceso producíase esta pasada fin de semana, na madrugada do sábado. Segundo indicaron fontes da propia investigación dous encapuchados, portando unha escopeta de cartuchos, fixéronse coa caixa rexistradora, non sen antes pegarlle un tiro nunha perna ó empregado do establecemento, que saiu a atendelos pensando que se trataba dun cliente. Foi o propio traballador, unha vez que os atracadores emprenderon a fuxida, o encargado de dar o aviso ó 112.

A Policía Nacional investiga agora, coa axuda das cámaras de seguridade coas que conta a instalación, a posible autoría dos feitos. A Policía ten xa claras sospeitas de quen puido cometer este acto delitivo, e todo apunta a que se trata de vellos coñecidos das forzas da orde. Investígase tamén o roubo da moto que foi empregada no atraco, cuxa denuncia foi presentada tamén na Comisaría.