A POBRA> Tras habilitar zonas reservadas para residentes no Lagar, o concello da Pobra procedeu a alugar unha parcela na zona para estacionamento libre. Operarios municipais ultiman estes días os traballos de acondicionamento para a posta en marcha do novo aparcadoiro.
Trala polémica suscitada pola reserva de aparcamentos para residentes no Lagar, o concello da Pobra chegou a acordo cos propietarios desta parcela para o seu uso como estacionamento libre. Durante a pasada semana procedeuse ó acondicionamento e sinalización desta explanada que entrará en servizo nos próximos días. Deste xeito, o executivo dá resposta ás queixas dalgúns veciños ou usuarios da zona que non tiñan dereito a optar ás tarxetas de residente por non reunir tódolos requisitos.
Dende o concello informaron que recibiron numerosas solicitudes e xa se emitiron as primeiras tarxetas de residentes para aqueles veciños empadroados no barrio que cumpran as condicións establecidas na ordenanza de circulación.
Trala posta en marcha deste tipo de estacionamentos reservados no Lagar, unha das zonas que presenta maior dificultade para aparcar, o concello estuda a súa futura implantación noutros barrios.











