Atopan o cadáver dun vigués na praia ribeirense do Touro

RIBEIRA> A Policía Nacional investiga tamén as posibles causas da morte dun indixente de 46 anos, cuxo cadáver aparecía na mañá do sábado na praia ribeirense do Touro.

Segundo informaron fontes policiais, o home, identificado coma Erigio Davila Pereiras, era natural de Vigo, e levaba varios días mendigando por diversas rúas da cidade. Unha persoa que camiñaba polo lugar foi o que deu a voz de alarma, ó atopar o corpo no areal.

Ata o lugar achegáronse rapidamente varios equipos de emerxencias, entre eles as Policías Nacional e Local, unha ambulancia do 061 e persoal do PAC de Ribeira que confirmou o seu falecemento.

Para o levantamento do cadáver foi necesaria a presenza do titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Ribeira e do equipo forense. Todo apunta ó afogamento como causa máis probable da súa morte, aínda que haberá que agardar ó resultado da autopsia.