A novena edición de ‘No bico un cantar’ terá coma protagonistas a Castelao e a Rianxo

RIANXO> O salón de plenos do concello de Rianxo acollía esta mañá a presentación da novena edición de ‘No bico un cantar’, a actividade que organiza o Consello da Cultura Galega, que terá este ano como eixe central a figura de Castelao, coincidindo co 75  aniversario do seu pasamento.

A cita será o vindeiro 6 de xuño. Ese día na vila reuniranse uns 500 alumnos dos conservatorios de música e centros de ensino musical de toda Galicia que cantarán diversas pezas en homenaxe ó autor do ‘Sempre en Galiza’, ós que se sumarán este ano, coma novidade, os alumnos do Instituto Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires.

O concerto terá lugar na praza Rafael Dieste, ás seis da tarde, baixo a dirección do Maximino Zumalabe.

A actividade conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Cultura e Educación.

Dende o Concello, que actuará ese día de anfitrión, agradeceron a elección de Rianxo.

Entre as pezas do repertorio dese día figuran temas emblemáticos vinculados a Castelao e por extensión a Rianxo como poden ser ‘Lela’, ‘Bicos do mar’ ou a ‘Rianxeira’, e aproveitarase tamén para estrear ‘Daniel’, unha peza con música composta polo músico local José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita, colaborador de Castelao.