RIANXO> O Conselleiro do Mar realizou unha visita á fábrica de Conservas Cerqueira, en Rianxo, para coñecer as melloras que se están a executar con cargo a unha axuda autonómica para transformación. A empresa está a ultimar a posta en marcha dun almacén automatizado e dúas liñas para conxelado.
Acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, o Conselleiro do Mar desprazouse ata o polígono de Te, en Rianxo, para coñecer os proxectos que está a executar Conservas Cerqueira grazas a unha orde bianual de axudas para transformación.
A empresa, que hai ano e medio trasladaba a súa planta de Ribeira ó polígono de Rianxo, vén de construír un novo almacén e está a traballar na posta en marcha de dúas novas liñas de conxelado para traballar produto fóra de tempada.
Estes proxectos supuxeron un investimento próximo ós catro millóns de euros dos que a Consellería do Mar achegou algo máis de dous millóns.











