Presentada a obra gañadora da primeira edición do Premio Carlos Mosteiro

POBRA> Trátase da novela titulada Os Fantom, da autora viguesa, aínda que residente na actualidade en Madrid, Patricia Mallo.

Un nutrido grupo de escolares, alumnos de sexto de primaria dos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, colexio este último onde o propio Carlos Mosteiro impartiu clase, foron os convidados desta presentación da obra gañadora da primeira edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Os fantom, de Patricia Mallo, foi por unanimidade para o xurado, a mellor obra das 39 presentadas ó concurso.

A autora agradeceu ó Concello por ter convocado o Certame, á que concorreu coa súa segunda novela. Unha obra onde se mestura humor, fantasía e sobre todo aventuras.

A idea do premio partiu do propio concello da Pobra do Caramiñal, da asociación cultural Barbantia e da editorial Galaxia co obxectivo de honrar a figura de Carlos Mosteiro, autor finado en xullo do 2017.

Ademais da súa publicación, na colección Árbore de Galaxia, o galardón estaba dotado cun premio en metálico de 1.500 euros.