RIBEIRA> O auditorio de Ribeira quedou pequeno para acoller ós centos de persoas que participaron no acto de apoio a Luís Pérez Barral. O alcalde amosouse moi emocionado ante a resposta cidadá trala presentación da moción de censura que lle arrebatará a alcaldía o próximo luns.
O acto organizado polo BNG en apoio ó alcalde de Ribeira trala presentación da moción de censura superou tódalas expectativas. Tanto que a pesar de estar programado no recibidor do auditorio tivo que celebrarse no salón principal ante a masiva afluencia de xente. Centos de ribeirenses pero tamén compañeiros de filas de toda a comarca arrouparon a Luís Pérez Barral avalando así a súa xestión durante estes dous anos á fronte do concello de Ribeira.
A voceira nacional do BNG volveu cualificar á moción de censura como un acto vergoñento, froito do pánico do PP ante un goberno funcionaba. Por isto, vaticinou que Pérez Barral volverá ser alcalde de Ribeira tralas municipais de 2027.
Durante o acto, o alcalde non puido ocultar a súa emoción ante o gran apoio recibido. Foron constantes os aplausos e vítores tanto para el como para o seu equipo de goberno incluídos os concelleiros Juan Luís Furones e Tania Redondo que abandonaron o PBBI e non apoiarán a moción de censura. Pola contra, escoitáronse berros do público contra o líder desta formación. Baixo a consigna de ‘Ribeira non se vende’ instaron a Vicente Mariño a escoitar á cidadanía.











