RIBEIRA> Os alumnos de 3ºB do CEIP O Grupo de Ribeira comezaron a semana cun novo titor. A incorporación deste mestre foi posible grazas á presión da comunidade educativa que secundou as mobilizacións da ANPA para contar cun docente a tempo completo nesta unidade.
Tras seis semanas de mobilizacións, que ademais de protestas, caceroladas e escritos, incluíron unha recollida de sinaturas e o seguimento masivo da folga, a comunidade educativo do CEIP O Grupo conseguiu finalmente o seu obxectivo. Esta mañá incorporábase a mestra que asumirá a titoría de 3ºB durante todo o curso.
A Consellería de Educación deu finalmente marcha atrás e, tras reiteradas negativas, autorizou a incorporación dun docente en substitución da titular da praza que marchou en comisión de servizo, corrixindo así o que dende o centro sempre consideraron un erro administrativo.
Trala incorporación da mestra, a ANPA desconvocou as protestas que se celebraban cada luns e procedeu á retirada das pancartas da fachada do colexio, a excepción da que reza por un ensino público de calidade. Aínda así, e a pesar de que a principal demanda está cuberta, seguirán a insistir ante a Consellería sobre o resto de necesidades do centro como a reforma da antiga comisaría, a substitución da cuberta do anexo de infantil, o pintado da fachada do edificio principal ou o arranxo do pavillón.











