RIANXO> Será ó longo desta semana nas principais vías e estradas do municipio. A iniciativa forma parte da campaña que a nivel nacional está a realizar a Dirección Xeral de Tráfico.
Durante esta semana a Policía Local de Rianxo está a realizar unha campaña especial de vixilancia e control da velocidade nas vías urbanas e nas estradas convencionais de todo o termo municipal, especialmente naquelas nas que se rexistran un maior número de accidentes debido ós excesos de velocidade. Con esta campaña, que se integra na que realiza a DXT en todo o ámbito nacional, o que se persegue non é outro obxectivo que seguir avannzando na prevención de accidentes e na redución da gravidade dos mesmos.
Aos controis de velocidade uniránselle tamén controis preventivos de alcolemia, principalmente nas quendas de noite e durate a fin de semana.
A realización desta campaña é posible tamén grazas a que estes días a Policía Local rianxeira dispón para o seu uso do vehículo cedido pola propia DXT, equipado cun velocímetro e alcolímetro, que é compartido co resto dos corpos policias da comarca. A campaña desenvolverase ata o vindeiro domingo 7 de abril e unha vez finalizada os resultados obtidos seranlle remitidos a Tráfico para seren incluídos nas súas bases de datos.