BARBANZA> O BNG do Barbanza inclúe nas emendas ós orzamentos do estado a recuperación dunha serie de espazos con gran valor ambiental. Por outra banda, volven demandar un estudo para a conexión ferroviaria da comarca.
Boa parte das emendas presentadas polo BNG do Barbanza ós orzamentos do estado inciden na recuperación ambiental de esapzos naturais. É o caso dos acantilados de Tanxil-Pedra Vixía-Tronco en Rianxo, un proxecto que mesmo chegou a incluírse nos orzamentos estatais en 2007 pero que non se chegou a executar. Tamén propoñen os nacionalistas a recuperación do bordo litoral da Ribeiriña, na Pobra, que a pesar do seu gran valor paisaxístico se atopa moi degradado.
Ademais botan en falla a consignación de partidas para continuar a rexeneración da praia urbana dos Areos cunha segunda fase e a praia da Corna, en Palmeira, hábitat de numerosas especies de flora e fauna que precisan dun maior coidado para a súa conservación.
Ademais das actuacións en materia ambiental, o BNG volve incluír nas súas emendas unha vella demanda: a realización dun estudo técnico sobre a viabilidade de dotar o Barbanza dunha liña ferroviaria que conecte a comarca coas principais vilas galegas. A súa posta en marcha habilitaría un servizo de transporte público alternativo para unha poboación de máis de 60 mil habitantes que actualmente teñen que desprazarse ata Padrón como estación máis próxima.