RIANXO> O goberno rianxeiro sacou adiante co apoio do PP e do BNG, e a abstención do partido Socialista o proxecto de remodelación do paseo marítimo entre o Castelo da Lúa e a praia da Torre.
Segundo informou o alcalde, Julián Bustelo, a actuación ten coma finalidade a renovación do firme do paseo marítimo no entorno da fortaleza, a renovación do mobiliario urbano, a rehabilitación da pasarela existente sobre o río Te e a creación dunha zona de ocio infantil a carón da praia da Torre.
Pero a actuación levará tamén aparellado unha serie de obras que terán coma obxectivo a recuperación do foso defensivo da fortaleza e a creación dunha zona de acceso ós restos do castelo dende o paseo, optimizando así a divulgación dos valores culturais, históricos, arqueolóxicos e arquitectónicos deste enclave.
O proxecto conta cun investimento duns 190 mil euros que o Concello financiará parte con fondos propios e outra con aportacións doutras administracións, entre elas a Deputación da Coruña.











